Hai quince anos entraban pola porta de Correxidor coas súas mochilas cheas de ilusión e agora marchan con ela repleta de coñecementos, emocións e recordos para toda unha vida.
A xeración 2008-2023 graduouse o pasado venres cun acto especial acompañados polas súas familias, amigos e equipo docente que os acompañou durante todos estes anos.
O acto comezou coa actuación da Rondalla do colexio e coa intervención de dous dos nosos alumnos graduados, Alberto e Paula.
Seguidamente, os nosos alumnos e alumnas subiron ao escenario do Salón de Actos para a imposición das bandas de graduación por parte dos titores, representante da ANPA, directora e por Dna. Susana Álvarez González, decana da Facultade de Dereito do Campus de Ourense e antiga estudante do colexio.
Non hai graduación sen discurso e nesta ocasión contamos con tres, moi emotivos e alentadores para desexar o mellor futuro para esta xeración que nos despide.
O primeiro discurso foi a cargo da Decana de Dereito, cuxas palabras foron un estímulo para o noso alumnado.
Logo, foron os protagonistas do acto os que quixeron expresar os seus agradecementos e emocións nesta despedida.
Para finalizar, Yolanda Álvarez, directora de Carmelitas, despediu ao alumnado de 2º de Bacharelato amosándolles todo o seu ánimo e forza para o seu novo camiño.
GAUDEAMOS IGITUR