"É FELIZ O QUE SOÑANDO, MORRE. DESGRACIADO O QUE MORRA SEN SOÑAR" 184 ANOS DE ROSALÍA

 

No día de hoxe celebramos o nacemento da figura literaria máis representativa das nosas letras, Rosalía de Castro.

Non podemos entender a nosa cultura galega sen a presenza de Rosalía. Escritora máis que recoñecida pola súa expresividade, profundo sentimento e devezo pola nosa tradición e os nosos costumes; mais non queremos esquecer o seu afán por defender a muller rural galega.

As obras de Rosalía falan por si soas, mais nestes próximos días non só queremos ter presente a literatura de Rosalía senón tamén a súa vocación defensora da igualdade da muller. Por iso, nos vindeiros días realizaremos diversas actividades tendo en conta todas as facetas de Rosalía e facer así que os alumnos das diferentes etapas de Secundaria e Bacharelato coñezan a importancia e repercusión que transmite a figura de Rosalía. Dende os seus poemas musicados ata o recoñecemento da defensa da igualdade presente na súa obra.

Ademais, non debemos esquecer a idea da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) na que se propón á cidadanía  que agasalle cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas.